Galego

 
Vexa na Galipedia o artigo acerca de «cruceiro».
 
Cruceiro de Melide

cruceiro1

  •   Pronuncia: /kɾuˈθejɾo̝/ (AFI)

  Substantivo masculino

cruceiro (sg: cruceiro; pl: cruceiros)

  1. (Escultura) Cruz de pedra, levantada normalmente nas encrucilladas ou no adro das igrexas, sobre una columna (tamén chamada fuste ou varal) chantada sobre unha plataforma de chanzos e unha base normalmente cuadrangular. Adoita ter esculpidas figuras na cruz (Cristo na cara anterior e a Virxe na posterior) e, por veces, tamén no fuste.
    • Exemplo: Sempre se persignaba ó pasar diante do cruceiro da parroquia.

    • Termos relacionados: calvario, viacrucis.
  2. (Arquitectura) Nave da igrexa que cruza transversalmente a nave central.
    • Exemplo: As fachadas de Praterías e da Acibechería pechan o cruceiro da catedral polo sur e polo norte, respectivamente.

    • Sinónimos: transepto.
  3. (Arquitectura) Espazo da igrexa formado polo cruzamento da nave central e a transversal.
    • Exemplo: Non estaba permitido o paso polo cruceiro, e tiven que dar volta pola xirola

      .
  4. (Economía) Antiga moeda do Brasil.
    • Exemplo: O cruceiro deixou de circular en 1993.

  5. (Arquitectura) Parte máis elevada da cuberta ou tellado, liña onde se xuntan as dúas vertentes.
    • Exemplo: Onte remataron de facer o cruceiro da miña casa.

    • Sinónimos: crucel, cume, cumeira, cumio.
    • Observacións: Aboado unicamente por Constantino García González (Glosario de voces galegas de hoxe, Universidade de Santiago, Verba 1985, anexo 27) en Pereiramá (Castroverde, Lugo).
  6. Peza do muíño que permite subir ou baixar o rodicio para obter unha fariña máis ou menos fina.
    • Exemplo: Sube o cruceiro un pouco que necesito fariña máis fina para facer a bica.

    • Observacións: Aboado unicamente por Eligio Rivas Quintas (Frampas, contribución al diccionario gallego, 2001).

Traducións

cruceiro2

  •   Pronuncia: /kɾuˈθejɾo̝/ (AFI)

  Substantivo masculino

cruceiro (sg: cruceiro; pl: cruceiros)

  1. (Mariña) Barco de guerra.
    • Exemplo: Os xaponeses afundiron sete cruceiros.

  2. Viaxe de recreo, que para en distintos lugares como actividade turística.
  3. Barco ou navío no que se realizan ditas viaxes de recreo.
    • Exemplo: Cos cartos que lle tocaron na lotería, foise de cruceiro por todo o Mediterráneo.