Conversa:abadexo

Último comentario: Calq hai 11 anos no fío "Badexo"

1. Segundo a normativa da lingua galega vixente, o nome deste peixe é abadexo (quizais por derivar do castelán abadejo), e por iso figura aquí. Pero o galego é un idioma en construción e ás veces, as normas cambian (mesmo en linguas xa construídas desde hai séculos por veces tamén mudan algo). Por se iso volve suceder, hai que ter en conta que as formas maioritariamente empregadas polos mariñeiros galegos para referírense a este peixe son badexo e, en menor medida, badeixo, mentres que abadexo e abadeixo teñen un uso moi restrinxido1. Talvez por iso, Rodríguez Solórzano et al.2 danlle o nome de badexo, mentres que Rodríguez Villanueva et al.3 adoptan a forma badeixo; pero ningún destes autores consideran abadexo. Cómpre recordar que o nome portugués (que ten a mesma etimoloxía que o galego), é badejo. Pra os nomes, sinónimos e variantes, é moi recomendábel ver o artigo 'abadexo na Galipedia.

2. Canto as Formas incorrectas, máis ben poderiamos agrupalas nun novo epígrafe: o de Formas non incluídas no DRAG, pero usadas.

3. A especie Pollachius virens non é habitante das nosas augas (polo que non ten nome vernáculo popular) pero si se pode ver nas lonxas de altura, polo que conviría habilitar un nome galego normalizado. Rodríguez Solórzano et al.4 denomínana como *fogonero, evidente castelanismo (en todo caso, en galego sería fogueiro), aínda que o nome común deste peixe en castelán é carbonero. Por outra parte, Lahuerta e Vázquez5 asígnanlle o de carboeiro, evidente adaptación do nome castelán. Pero talvez sería mellor utilizarmos a denominación abadexo negro, para mantermos o criterio recomendado polas autoridades da materia (que as hai) de dar o mesmo nome vulgar ás especies do mesmo xénero e, tendo en conta a coloración escura do dorso deste animal, seguir o que se fixo en francés: lieu jaune para abadexo e lieu noire para Pollachius virens, non parecendo abonda a posíbel xustificación de carboeiro o feito de que un sinónimo do seu nome científico, hoxe non utilizado, sexa Pollachius carbonarius.

4. Finalmente dicir, sobre Véxase tamén, que, no momento en que foi editado este artigo, non aparece, no Apéndice:Animais, o nome científico de ningunha especie do xénero Pollachius.

1. V. Ríos Panisse, M. C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces. Verba, Anejo 7. Santiago: Universidad de Santiago de Compostela, pp. 397-402. (Ríos Panisse dá como nome científico un sinónimo hoxe non válido, Gadus pollachius).

2. Rodríguez Solórzano, Manuel, Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Galaxia, p. 84.

3. Rodríguez Villanueva, X. L., e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia (III). Peixes óseos (continuación). Vigo: Xerais, p.74.

4. Rodríguez Solórzano, Manuel et al. Op. cit., p. 200.

5. Lahuerta Mouriño, Fernando, e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multiligüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia, p. 92.
O anterior comentario fíxoo Xoio (disc. • contribs) ás 16:59 do 29 de outubro de 2010.

O que propós entendo que é engadir artigos non normativos ao Galicionario. Prefiro falarmos de termos «dos que existen referencias normativas» ─documentos lingüísticos que seguen a normativa e que contemplan termos que non están na normativa─ que de termos «utilizados», pois isto último pode resultar moi ambiguo. Respecto ás túas conclusións respecto da probabilidade de que o termo «badexo» se volva normativo un día, non o descarto. Pero nestes momentos no Galicionario traballamos coa normativa vixente. De ser eu o editor que se enfrontase aos termos «badexo» e «badeixo», e seguindo o sistema que estou a seguir nestes momentos, crearía a páxina e a ligaría directamente a «abadexo», para que as persoas que escoitasen eses outros termos e os buscasen no Galicionario fosen levadas ao termo axeitado segundo a normativa vixente. Isto todo é como o faría eu nestes momentos, é dicir, como o estou facendo.
Porén, o que propós non é unha idea absurda. Nin moito menos. Pero a estas alturas do avance do proxecto, si que a consideraría temperá. Temperá porque hai aínda moitísimo traballo pendente no proxecto que, na miña opinión, ten prioridade. Completar páxinas marcadas como tal ─temos moito verbo con conxugación pero sen definición, e viceversa─. Engadir vocabulario normativo galego ─falta moito, ás veces sorpréndome realmente coas carencias que temos de palabras que resultan tan fundamentais na lingua galega─. Todo isto é unha realidade a pesar da cal eu engado os termos que me petan, e se ves as miñas contribucións notarás que engado moito vocabulario en inglés, o cal non é unha prioridade para o Galicionario.
Con todo este parrafeo onde quero chegar é a que o que suxires non é primordial para min, pero paréceme completamente factible. É dicir, estaría ─mellor dito, estou─ aberto a discutilo, se ben creo que aínda é moi cedo, xa non tanto para engadir este vocabulario ─como che digo, se seguise a orde lóxica de prioridades non engadiría vocabulario en inglés─ senón polo limitado número de editores. Porque aínda que cheguemos a un acordo sobre como actuar, somos poucos e por tanto pouca diversidade de opinións.
Así que se cres que debemos establecer un novo criterio á hora de introducir formas non normativas, por min adiante. Abre un fío na taberna ─ao non ser este un tema específico deste artigo, polo que vexo, a taberna resulta máis axeitada─ ou envía un correo electrónico á rolda e discutámolo. Se isto vai ir adiante, hai moita discusión previa necesaria. Pero antes de discutir uns novos criterios á hora de engadir termos non normativos, probablemente deberiamos discutir e votar a necesidade ou non de engadir estes termos ao Galicionario a estas alturas do proxecto. ─ GallaecioE logo? 19:12, 29 de outubro de 2010 (UTC)

Badexo

editar

badexo si vén recollido no DRAG: http://www.realacademiagalega.org/rag_dicionario/searchNoun.do?nounTitle=badexo --Calq (conversa) 4 de abril de 2013 ás 10:42 (UTC)Responder

Volver á páxina "abadexo".