citoloxía vaxinal
Galego
- (Medicina) A citoloxía vaxinal, tamén chamada proba de Papanicolau ou frotis de Papanicolaou, é un exame microscópico de células obtidas por raspado do cérvix uterino. Forma parte dun exame xinecolóxico consistente no exame do interior da vaxina da paciente. Realízase introducindo un espéculo na vaxina e abríndoo lixeiramente, de maneira que se poida tomar unha mostra das células exteriores e do canle do pescozo uterino cunha espátula de madeira ou de plástico, e posteriormente introducir un cepillo. As células poden colocarse nunha lámina de vidro sobre a que se aplica un fixador, ou ben poden gardarse nun recipiente cun conservante para enviarse máis tarde ao laboratorio de anatomía patolóxica. Durante a realización da proba pode haber un pouco de malestar, parecido aos cólicos menstruais. Ademais tamén pode haber sangrado despois da proba e unha sensación de presión durante o procedemento. A primeira citoloxía debe realizarse antes de comezar a ter relacións sexuais e despois de que pase un ano. Se todo é normal faranse cada certo tempo, a non ser que a paciente forme parte dun grupo de risco. Neste último caso realizaranse cada ano. As mulleres de alto risco son aquelas que comezaron a ter relacións sexuais antes dos 18 anos, que tiveron varias parellas sexuais ou que tiveron herpes ou verrugas xenitais. As mulleres de 60 anos en adiante poden deixar de facerse citoloxías.