Galego

 
Vexa na Galipedia o artigo acerca de «Camillo Golgi».
 
Camillo Golgi

Bartolomeo Camillo Emilio Golgi, nado en Corteno Golgi (Italia) o 7 de xullo de 1843 e finado en Pavía o 21 de xaneiro de 1926, foi un médico e citólogo italiano. Fillo dun funcionario do departamento médico, estudou medicina na Universidade de Pavía, onde se graduou como doutor en 1865. Traballou algún tempo na clínica psiquiátrica do criminólogo Cesar Lombroso, pero pronto se interesou pola histoloxía. En 1872 comezou a traballar no pavillón de incurábeis dun hospital de Abbiategrasso. Exerceu como profesor de anatomía nas Universidades de Turín e Siena e como catedrático de histoloxía na de Pavía, da que chegou a ser decano da Facultade de Medicina e reitor da Universidade. A pesar dos escasos medios con que contaba, logrou importantes resultados cos seus experimentos, entre os que destaca o método da tintura mediante nitrato de prata, que supuxo unha revolución no estudo en laboratorio dos tecidos nerviosos. Empregando este método, identificou unha clase de célula nerviosa dotada dunhas extensións (ou dendritas) mediante as cales se conectan entre si outras células nerviosas. Este descubrimento permitiu a Wilhelm von Waldeyer-Haltz formular a hipótese de que as células nerviosas son as unidades estruturais básicas do sistema nervioso, hipótese que máis tarde demostraría Santiago Ramón y Cajal, quen desenvolveu a teoría neuronal. En 1876, trals o seu regreso á Universidade de Pavía, continuou o exame das células nerviosas, e obtivo probas da existencia dunha rede irregular de fibriñas, cavidades e gránulos, que na súa honra pasaron a denominarse aparello de Golgi e que desempeña un papel esencial en operacións celulares como a construción da membrana celular, o almacenamento de lípidos e proteínas ou o transporte de partículas ao longo da membrana plasmática. Entre 1885 e 1893 dedicou as súas investigacións ao estudo do paludismo, e chegou a resultados tan importantes como a distinción entre o paludismo terciano e cuartano, en canto patoloxías provocadas por dúas especies diferentes dun mesmo protozoo parasito denominado Plasmodium, así como a identificación do acceso febril como orixinado pola liberación por parte do devandito organismo de esporas no fluxo sanguíneo. En 1906 Golgi recibiu o Premio Nobel de Medicina conxuntamente con Santiago Ramón y Cajal polos seus estudos sobre a estrutura do sistema nervioso.