herba de san Xoán
(Redirixido dende herba de San Xoán)
Galego
- Pronuncia: /ˈɛɾβa̝de̝sanʃoˈaŋ/ /ˈɛɾβa̝de̝sanˈʃo̯aŋ// (AFI)
herba de san Xoán (sg: herba de San Xoán; pl: herbas de San Xoán)
- (Botánica) Planta herbácea da familia das escrofulariáceas, Digitalis purpurea, bienal, de 60 a 150 cm de altura, cunha roseta basal da que xorde o caule; follas ovatolanceoladas, as da roseta basal pecioladas e as do caule co pecíolo cada vez máis curto segundo van ascendendo, até chegar a seren sésiles; flores cigomorfas, en forma de dedal, de 4 a 5 cm de lonxitude e cor purpúrea con manchas máis escuras no interior, reunidas en acios unilaterais, e froito en cápsula. É propia das rexións atlánticas de Europa e o norte de África, onde medra en terreos silíceos. Contén diversos alcaloides, como a dixitalina, utilizándose en medicina popular como tónico cardíaco.
- Sinónimos: abeluria, baloca, baloco, baloco negro, borleta, chopo, chopo negro, croque, dedal, dedaleira, dixital, dixital purpúrea, estalo, estalote, estraloque, folla de sapo, herba da cobra, herba dos troques, milicroque, sanxoán, troque.
- (Botánica) Nome común de varias plantas da familia das gutíferas ou hipericáceas pertencentes ao xénero Hypericum, especialmente Hypericum perforatum, perennes, erectas, con pólas, de caules de até 1 m de altura, glabros, follas tamén sen pelos, ovadas ou lineais, máis ou menos sentadas e cheas de puntiños visíbeis a contraluz, e flores, duns 3 cm, con pétalos amarelo dourados, con manchiñas negras, que tamén presentan os sépalos, común en toda Galicia.